MANUAL PARA A PRODUCCIÓN APÍCOLA
Manexo do apiario
Neste documento recóllense unha serie de recomendacións útiles para obter un mel da mellor calidade e coas garantías sanitarias que necesita o consumidor.Esta guía vai orientada exclusivamente aos apicultores galegos que producen mel no ámbito da produción primaria, isto é, o que procede das súas propias colmeas e procesando todo o mel nas súas propias instalacións.
MATERIAL APÍCOLA
Colmeas
Non tratar o interior das colmeas ou os cadros con ningún produto que poida producir contaminacións.
As colmeas e os cadros almacenados fóra de uso manteranse ben tapados para evitar a entrada de insectos, paxaros, roedores etc. Que poidan contaminalos.
Para evitar fermentacións nos cadros das alzas tras a extracción do mel é recomendable poñelos á disposición das abellas durante un ou dous días despois da última colleita e antes do almacenado invernal.
Cera
Evitar, no posible, o traslado de ceras dende o corpo de cría ás alzas melarias. De ter que facelo marcalas para non confundir coas outras e non extraer ese mel.
Evitar o uso de ceras ennegrecidas, renovando as láminas do niño cada catro ou cinco anos como mínimo, para rebaixar a presión infecciosa e estimular a boa marcha da colonia.
Desinfección e profilaxe
Para a desinfección periódica do material hai que utilizar unicamente desinfectantes autorizados no sector alimentario:
No caso de utilizar lixivia, facelo a unha dilución do 5 %. Rematar sempre cun aclarado de auga potable e dando boa ventilación.
Para madeira e metais tamén pode utilizarse a chama dun queimador de gas.
No caso de ataque de doenzas bacterianas, tanto a madeira dos cadros como o material biolóxico destruiranse no lume ou enterraranse, fóra do alcance das abellas, o máis inmediatamente posible.
Para evitar posibles contaxios convén limpar e desinfectar despois de cada uso as ferramentas apícolas (espátula, pinzas, cepillo…).
En canto se detecten colonias mortas ou moi febles, hai que proceder a pechalas e retiralas do apiario.
Defensa contra a couza
Na garda invernal de alzas é recomendable evitar a couza favorecendo a ventilación co efecto cheminea, situando no fondo e no cimo do montón de alzas uns excluidores apícolas ou teas mosquiteiras.
No caso de aplicar tratamentos preventivos o máis recomendable é utilizar o Bacillus thuringiensis. Tamén poden usarse os vapores de ácido acético glacial ou queimarse mechas de xofre no interior das moreas de alzas.
Polo seu potencial contaminante non se utilizarán produtos que poidan deixar resíduos.
O APIARIO
Colmeas
As colmeas situaranse lonxe de focos de contaminación.
Evitarase situar alzas ou cadros directamente no chan, para evitar contaminación polas bacterias do solo. Como alternativa pode utilizarse un teito do revés sobre unha colmea contigua.
As colmeas asentaranse erguidas do chan e cunha leve inclinación cara adiante.
Asegurar, no posible, a sanidade de cada novo enxame que entre a formar parte do apiario.
Afumador
Utilizarase sempre con moderación.
Os mellores combustibles para queimar son os vexetais secos; evitaranse outros produtos que poidan producir olores ou contaminación.
Pillaxe
Non deixar ao aire libre cadros ou material con mel.
Evitar colonias febles na proximidade de colonias de produción.
No caso de pillaxe, eliminar a orixe e reducir as piqueiras ao mínimo imprescindible.
Tratamentos sanitarios
Non facer nunca tratamentos en período de colleita e con presenza de alzas melarias.
Respectar coidadosamente as doses e os tempos de aplicación indicados nos prospectos do medicamento.
Non aplicar tratamentos sen a debida consulta aos técnicos das asociacións de apicultores ou a un veterinario.
Os medicamentos para animais de produción están suxeitos a prescrición veterinaria mediante receita.
Non facer tratamentos preventivos pois sempre son prexudiciais e ineficaces.
As alzas de mel das que se sospeite que non cumpran estas normas sobre tratamentos, deben separarse do resto.
Alimentación
Non alimentar colonias de produción na época de colleita e con alzas melarias postas.
No caso de alimentar con mel, utilizar unicamente mel propio sanitariamente seguro. Nunca alimentar con mel alleo, polo perigo de transmisión de patóxenos ou residuos.
Evitar complementos alimenticios comerciais sen garantías sanitarias.
Controlar a cantidade de alimento a disposición das abellas, evitando posibles fermentacións por exceso de produto.
Para evitar a deterioración do alimento, non preparalo con antelación superior a vinte e catro horas./p>
Castra
Reducir todo o posible o uso do afumador nas alzas de mel.
Para o desabellado é preferible utilizar sopradores ou escapes. Evitar o uso de repelentes químicos.
Non extraer o mel dos cadros que teñan cría, para evitar a contaminación do mel.
Para evitar altos contidos de humidade, retirar unicamente os cadros que presenten o mel operculado e facer a esmelga preferentemente con tempo seco.
Transporte
O vehículo que trasporte as alzas estará limpo e pechado á entrada de po, auga ou outros elementos alleos.
Para o transporte das alzas ata a sala de extracción débense utilizar soportes hixiénicos que eviten a contaminación dende posibles focos non solo do apiario, vehículo ou almacén.
MELARÍA - SALA DE EXTRACCIÓN
Locais e materiais
Os locais destinados á extracción do mel poden ser de destino específico para esta actividade ou locais polivalentes que se destinen temporalmente a funcións de melaría.
Serán locais pechados e disporán como mínimo dunha porta que impida a comunicación directa con outras estancias que poidan ser fonte de contaminación.
O solo será estanco e lavable.
Os mesados e as paredes que poidan recibir salpicaduras de mel serán lisas, non absorbentes e lavables.
Haberá billa de auga potable no propio local ou nas súas proximidades.
Procurarase a ausencia total de abellas antes da extracción do mel, selando convenientemente as entradas e facilitando a saída das abellas que puidesen vir nas alzas do mel. É efectivo escurecer ao máximo o local e deixar unha pequena entrada de luz cara ao exterior, pola que sairán as abellas.
É recomendable protexer as ventás cunha tea mosquiteira para evitar a entrada de insectos
Todo o material e ferramentas que entren en contacto co mel deberá ser de uso alimentario. O ideal é que sexa de aceiro inoxidable.
Hixiene e saúde
As alzas que conteñen mel situaranse illadas do solo.
Previamente ao seu uso, os locais estarán limpos, desinfectados e pechados a insectos ou pequenos animais. Asemade estarán resgardados de olores fortes que poidan afectar o mel.
O persoal que manipule o mel presentará boa hixiene persoal e ausencia de enfermidades contaxiosas e coñecerá o contido desta guía de boas prácticas.
Durante a esmelga evitarase a entrada de animais domésticos e almacenamento fóra de armarios pechados de produtos químicos ou de limpeza.
O local contará co abastecemento de auga potable para a limpeza do propio local, das persoas e do material.
As ferramentas que entren en contacto co mel (pinzas, coitelos...) lavaranse e secaranse regularmente durante o tempo de uso..
Extracción
Non demorar a extracción do mel das alzas tras retiralo das colmeas.
Dende uns días antes e durante o tempo de almacenamento é aconsellable o uso de deshumidificadores.
Todo o mel sospeitoso de non manter as súas propiedades (fermentación, cheiro anormal...) debe ser descartado antes da extracción.
Os opérculos trataranse o máis rapidamente posible para retirarlles o mel. Este período non debe exceder dunha semana.
Non extraer para consumo humano o mel procedente dos cadros da cámara de cría.
Filtrado e decantado
Todo o mel será filtrado para retirarlle as partículas visibles. O máis recomendable é utilizar unha serie de filtros de malla progresivamente máis mesta: grosos, medios e finos.
Tras o filtrado deixarase decantar o mel en recipientes específicos para este uso (decantadores ou maduradores) coa finalidade de que se forme unha espuma superficial de aire e restos de cera que se retirará para deixar o mel perfectamente limpo.
O decantado convén que dure un mínimo dunha semana. O seu efecto verase favorecido se o local se mantén a unha temperatura constante duns 25º C.
Os recipientes que conteñan mel taparanse para evitar a entrada de humidade e de elementos estraños.
Para facilitar a trazabilidade do produto, os decantadores ou calquera outro contedor de mel para envasar deberán estar provistos dunha indicación ben visible con datos sobre o apiario de procedencia e a data de colleita.
Descristalizado
Para fundir ou descristalizar o mel empregaranse unicamente ferramentas adaptadas (resistencias de aceiro inoxidable, silicona...) que conten con termóstatos para o control da temperatura.
A calor que se aplique será a menor posible e de curta duración, para evitar subidas indebidas do parámetro HMF.
Envasado
Os envases serán de uso alimentario, exclusivos para o mel e disporán de peche hermético.
Antes do envasado é recomendable lavar e aclarar os envases con auga potable, vixiando que estean secos antes do seu uso.
O mel envasado almacenarase en lugar fresco, seco e protexido da insolación directa.
No caso de envasar diferentes lotes, hai que separar de xeito inconfundible as distintas partidas ata o seu etiquetado.
Almacenado
O mel envasado nos tarros convén almacenalo en caixas ao abrigo da luz, nun local seco e fresco.