Proxectos

COOPERACIÓN NO ÁMBITO DA APICULTURA

Actuacións conxuntas con centros de investigación e outras entidades


A Agrupación Apícola de Galicia ten unha vasta experiencia de cooperación no campo da apicultura. Creouse no ano 1999 coa unificación das asociacións de produtores máis representativas da comunidade autónoma, coa finalidade de iniciar un proxecto de actuación para modernizar as explotacións apícolas, fomentando métodos de produción compatibles coa conservación da natureza e un modo de vida digno e sustentable no medio rural.

Como actividades prioritarias esta entidade realiza labores de solicitude e distribución das axudas apícolas entre os socios das asociacións, formación apícola, asesoramento técnico directo nas explotacións apícolas, control sanitario e asesoramento veterinario para o control e prevención de enfermidades apícolas, colabora con entidades na realización de estudos, investigacións e análises. Así como diversas actividades de divulgación. Tamén se realizan feiras anuais de promoción e comercialización dos produtos apícolas como a Feira Apícola das Rías Baixas no sur de Pontevedra (34ª edición), a Feira do mel de Pontevedra (32ª edición), e a realización do Congreso Apícola de Galicia no 2004.

A Agrupación Apícola de Galicia conta na actualidade con preto de 1000 apicultores que engloban na Agrupación a máis de 65.000 colmeas, distribuídas por toda a Comunidade Autónoma de Galicia. Entre os seus obxectivos atópase a formación integral do sector apícola en Galicia que contemple a resolución dos problemas existentes, ademais de labores de asesoramento e reciclaxe de apicultores para activar e modernizar a apicultura. Promover a apicultura e a produción de calidade por ser un aval para o desenvolvemento rural e o mantemento da biodiversidade, unha ferramenta de explotación sustentable dos montes que promove a conservación e disuade da práctica incendiaria forestal (Un dos grandes problemas derivados do desuso das áreas forestais). Aumentar a profesionalización do sector creando así postos de traballo, aumentando a produción e diversificándoas e fomentar a substitución xeracional moi importante para a apicultura fixista non trashumante de Galicia.


Innovación no proceso produtivo para unha apicultura sustentable


A Agrupación Apícola de Galicia, encóntrase inmersa nun proxecto cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) co que se pretende fomentar un sector apícola produtivo, competitivo, con alto grao de resiliencia ás ameazas, e polo tanto, economicamente viable.




Diversificación apícola a través da elaboración de cosmética apícola : BELACOLMEA


É un proxecto que se fraguou grazas ao traballo da Agrupación Apícola de Galicia e co obxectivo de poñer en valor as potencialidades dos produtos da colmea a través dunha nova liña de cosmética natural con Mel de Galicia IXP. O obxectivo desta iniciativa é axudar aos apicultores a aumentar as rendas das súas explotacións a través da diversificación cos produtos da colmea, para así poder continuar vivindo no rural e do rural.

TENDA