O APAIXONANTE MUNDO DA APICULTURA
A importancia das abellas e dos apicultores
O sector apícola forma parte integrante da agricultura europea, proporcionando ingresos primarios ou complementarios a máis de 600.000 cidadáns da UE. Ademais, esta actividade profesional presta uns servizos vitais á agricultura a través da polinización e contribúe ao mantemento da biodiversidade.
Calcúlase que un 84% das especies vexetais e o 76% da produción alimentaria en Europa dependen da polinización por parte das abellas, cuxo valor económico é moito maior que o valor do mel producido, ascendendo a uns 15.0000 millóns de euros anuais na UE. A apicultura tamén presta un servizo importante aos ecosistemas a través da polinización, que contribúe á mellora da biodiversidade ao manter a diversidade xenética das plantas e o equilibrio ecolóxico.
HISTORIA
Agrupación Apícola de Galicia
A Agrupación para o Desenvolvemento e Formación do Sector Apícola Galego, A.I.E., Agrupación Apícola de Galicia, creouse no ano 1999 co fin de levar a cabo un proxecto de desenvolvemento da apicultura de Galicia.
Con ese obxectivo uníronse as asociacións apícolas máis representativas da Comunidade Autónoma, unificando esforzos e iniciando un programa de actuación co fin de modernizar as explotacións apícolas, fomentando métodos de produción compatibles coa conservación e protección da natureza, e mellorando o medio ambiente ao ser a apicultura a actividade agraria máis ligada ao medio natural.
Concretamente, as asociacións que constitúen a nosa Agrupación son:
- Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra
- Asociación Valdeorresa de Apicultores
- Asociación de Produtores e Comercializadores do Mel de Montaña
- Sociedade Cooperativa A Queiroga
- Asociación de Apicultores de Padrenda
- Asociación de Apicultores da Provincia da Coruña
- Asociación de Apicultores da Provincia de Ourense
- Asociación de Envasadores de Mel de Galicia
- Asociación de Apicultores de Ferrol Terra
Actividades xerais
Os servizos que presta esta agrupación ofrécense a tódolos apicultores pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia. Na actualidade participan, xa sexa asesorándose, asistindo aos cursos, solicitando os servizos veterinarios ou analizando mel, abellas ou panais no laboratorio, a gran maioría dos apicultores rexistrados na comunidade.
Os obxectivos que nos moven
As abellas son unha fonte de polinización, a súa importancia para o desenvolvemento rural e o equilibrio ecolóxico é moito máis importante que a súa produción de mel e outros produtos da colmea, xa que constitúen a base para a conservación e diversidade das plantas que dependen da polinización, o que contribúe a aumentar a produtividade de grande parte dos cultivos, aproveitando recursos que non son utilizados por ningunha outra actividade produtiva. Tendo isto en conta, así coma a protección e o benestar dos apicultores galegos, determinamos os seguintes obxectivos que podedes pasar a consultar.
1. Desenvolvemento dunha forma integral do sector apícola en Galicia mediante a realización de análises, estudos e investigacións que contemplen a resolución dos problemas existentes, ademais de labores de asesoramento e reciclaxe de apicultores a través de cursos coa finalidade de activar e modernizar a nosa apicultura.
2. Promover a apicultura como:
A. un aval para o desenvolvemento rural e o equilibrio ecolóxico. B. unha ferramenta para a explotación dos montes. C. unha axuda contra os incendios forestais.3. Intentar profesionalizar o sector creando así postos de traballo e aumentando a produción.
4. Fomentar un relevo xeracional moi importante para a apicultura de Galicia.
Con estes cometidos comezou a unión das distintas asociacións que forman a Agrupación alá polo ano 1999, data na que solicitamos por primeira vez as axudas á apicultura, iniciándose unha serie de actuacións que continúan hoxe en día. Unha vez coñecida a problemática do sector e de acordo cos obxectivos da Agrupación, establecéronse catro grandes liñas de actuación:
1. Formación e asesoramento aos apicultores.
2. Control sanitario das colmeas.
3. Análises laboratoriais.
4. Investigación.
Servizos ofrecidos aos asociados
Entre os servizos que a Agrupación pon á disposición dos seus asociados, atópanse a atención aos seus membros, realización de xornadas técnicas e feiras de apicultura, cursos de formación, Xestión do Plan Apícola Galego, asesoramente e visitas veterinarias, así coma xestión de pólizas de seguro colectivo para as colmeas.