Tipos de
Mel de Galicia

Aínda que o Mel de Galicia é unha denominación única, no seu seo atopamos diferentes sabores, texturas e padais, dependendo das flores que lle dan a súa orixe. Unha gran maioría do mel galego é de milflores. Na súa elaboración non predomina unha orixe concreta e procede das diversas flores dos arredores da colmea. Pero ademais, en Galicia prodúcense saborosos tipos de mel monoflorais.

Milflores

As abellas liban o néctar dun amplo abanico de especies para producir un mel con identidade propia. Entre estas flores atópanse aquelas que teñen capacidade para a produción de meles monoflorais, ás que se suman outras moitas da zona, non chegando a destacar como monofloral ningunha. Por isto mesmo, non todo o mel de milflores ten a mesma textura ou o mesmo padal.

O mel das zonas costeiras procede da flor do eucalipto e doutras especies como o salgueiro, ou plantas da familia das boragináceas, das compostas (dente de león, leitaruga, cardos…) das crucíferas, das leguminosas e das rosáceas.

Nas zonas de interior, ademais do castiñeiro, a silva e as queirogas, breixo ou pomelo, plantas leguminosas e campanuláceas e, en menor medida, labiadas e crucíferas, condicionan a produción dun mel netamente diferente á da franxa costeira.

A cor pode variar entre o ámbar claro e o ámbar escuro.

Presentan olor floral, vexetal ou ambos, dependendo da floración que o compoña.

Eucalipto

O eucalipto, como resultado das intensivas repoboacións practicadas, marca decisivamente a produción de mel da costa galega.

Cor ámbar claro ou ámbar.

Olor floral que polo xeral presenta toques a cera.

Sabor doce e lixeiramente ácedo.

Zona de produción: esténdese sobre todo polas Rías Baixas, na comarca da Coruña, en Ferrolterra e na Mariña Lucense.

Castiñeiro

Nas comarcas galegas do interior a especie arbórea de maior interés para a elaboración do mel é o castiñeiro.

Cor ámbar, ámbar escuro ou escuro.

Aroma preferentemente vexetal.

Sabor predominante doce, aínda que tamén poden detectarse notas amargas e/ou ácedas. Adoita presentar lixeira astrinxencia.

Zona de produción: principalmente nos soutos de Lugo e Ourense (destacando as comarcas de Fonsagrada, A Ulloa, Ancares, Courel, Sierra de Manzaneda, San Mamed, Invernadoiro, Val do Sil, Birlo, Valdeorras e a raia ourensá), provincia da Coruña, así coma a zona norte e as comarcas que lindan coa provincia de Lugo.

Breixo

Unha gran parte do territorio galego está cuberto de matogueira. O breixo é precisamente a planta deste tipo de vexetación que permite unha maior produción de mel monofloral.

Cor ámbar, ámbar escuro ou escuro. ou escuro con tons avermellados.

Olor vexetal, aínda que tamén pode ser floral.

Sabor predominante doce, que se soe complementar con amargo. Tamén pode detectarse salgado e/ou ácedo.

Zona de produción: destacan A Fonsagrada e Ou Courel (Lugo), a Serra de Capelada e a comarca das Pontes, no leste da provincia da Coruña, e as comarcas orientais da provincia de Ourense.

Silva

A abundante aparición de matogueiras mixtas de plantas rosáceas, entre as que sobresaen pola súa presenza as silvas, permite a produción de meles monoflorales.

Cor ámbar claro, ámbar ou ámbar escuro.

Olor floral e/ou afroitado.

Sabor afroitado, marcadamente doce.

Zona de produción: sur da provincia de Lugo (comarca de Lemos e Sarria), o centro-sur da provincia de Ourense e ocasionalmente algúns lugares da provincia da Coruña.

TENDA