Mel de Galicia

O OURO DOCE DA NATUREZA

Coñece o Mel de Galicia


Un longo camiño leva percorrido o Mel de Galicia, no ano 1988 recoñécese como “Produto Galego de Calidade” e finalmente no 2007 conseguiu a protección europea coa publicación da inscrición da IXP Mel de Galicia no rexistro de denominacións de orixe protexidas e de indicacións xeográficas da comisión europea.

O Mel de Galicia é un produto natural e fresco que se produce de forma artesanal desde fai centos de anos. O coidado e as atencións que se poñen na súa elaboración permítenlle conservar as súas propiedades xenuínas. En Galicia gozamos dun clima especialmente benigno con abundante choiva ao longo de todo o ano. Estes factores, ademais das características especiais dun chan granítico e da influencia dos ventos e os aires mariños, dan lugar a unha flora rica e variada, que permite tanto a produción de mel monofloral como a dun abanico de mel de milflores. Os colmeares galegos son pequenos e déixanse mimar con esmero polo apicultor. Conséguese así a calidade nos procesos de extracción e envasado de produto que nos caracteriza. Este mel acóllese á Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e leva como selo de garantía a contraetiqueta identificativa propia.

PROTEXENDO AO CONSUMIDOR

Que o caracteriza?


O Mel de Galicia, así etiquetada polo Consello Regulador da IXP, debe reunir os seguintes requisitos sinalados na Norma de Calidade relativa ao mel e aos propios restritivos da IXP.

Máximo de humidade do 18,5%.

Actividade diastásica superior a 9 na escala de Schade, fóra dos meles con baixo contido encimático, nos que deberá ser superior a 4 (sempre que o hidroximetilfurfural non exceda de 10mg/kg).

Máximo de 28 mg/kg de hidroximetilfurfural.

Espectro polínico que na súa totalidade debe corresponder ao propio de Galicia en función dos poles maioritarios e á porcentaxe mínima esixida para a súa monofloralidade.

Calidades organolépticas que se correspondan coa súa orixe botánica no que respecta á cor, ao aroma e ao sabor.

TENDA